Novos fondos da Fundación. Obra de Eugenio Granell.




Novos fondos da Fundación. Obra de Eugenio Granell
A mostra está composta por unha inxente cantidade de obra de Eugenio Granell que ocupará todo o espazo expositivo do museo.
A familia Granell achega á colección preexistente da Fundación Granell – quen formalizou a súa ultima doazón durante o ano 2007- unha notable cantidade de nova obra do artista, obra de outros artistas pertencentes á colección privada da familia, -con nomes como Picasso, Cesariny, Le Courbusier…-, obras de arte popular, e obxectos persoais do artista que formaban parte do seu sancta sanctorum, e consecuentemente o seu espazo de creación.
No legado, destaca a obra gráfica de Granell a nivel cuantitativo, un número considerable de grandes óleos, e un grupo interesantísimo de obra obxectual, tanto construcións como obxectos. Con respecto á obra gráfica, é de destacar a grande cantidade de cadernos de debuxo e bosquexos existentes nos novos fondos, conxunto que achega unha valiosísima información sobre o proceso creativo de Granell. Ademais poderemos admirar unha extensa e salientable colección de grandes pezas de pintura pertencentes a dúas etapas moi significativas na traxectoria do artista: a súas primeiras obras realizadas na década dos corenta e cincuenta, así como unha excelente representación da súa etapa coñecida como Los Paisajes Mágicos. Nunha sala integramente dedicada á obra realizada na década dos noventa, é destacable o proceso de cambio sufrido na última etapa creativa do artista. A obra perde certo cariz barroco das etapas anteriores, esencializase: pon máis énfase no debuxo e traballa a cor sen valorar apenas a expresividade da pincelada, tan importante épocas anteriores.
A mostra, amais de achegarnos á creación de Granell en estado puro, amósanos a parte mais humana e entrañable do artista, que a Comisaria quixo reflectir a través dunha escolla de obra realizada xunto co súa esposa Amparo Segarrra, e dunha coidada selección dos obxectos persoais que sempre o acompañaron ao longo da súa vida coma os seus violíns, as súas maquinas de escribir…..
 
Máis titulares sobre:
Exposicións