Eugenio Granell. O paxaro Pí e a lingua dos paxaros


15 de maio - 21 de setembro, 08
Exposición monográfica da obra de Eugenio Granell, comisariada por Eugenio Castro.


A mostra está composta por máis de sesenta obras entre óleos, debuxos, construcións e ready mades, cunha datación que vai dende os anos corenta aos anos oitenta do século pasado.
A peculiaridade desta proposta reside en que por primeira vez nun mesmo evento expositivo se analiza a poética de Eugenio Granell dende un punto de vista plástico e literario.
A proposta de Eugenio Castro, escritor e membro do Grupo Surrealista de Madrid, posibilita a dobre prospectiva coa que se aborda esta temática, consistente nun amplo estudo dun dos leit motiv da poética granelliana, a figura do paxaro. A súa proposta fai repousar o núcleo conceptual da exposición na analoxía poética,- praxis habitual no Surrealismo-, construída por Eugenio Granell entre a figura do seu Paxaro Pí e o mito da lingua dos paxaros. A lingua dos paxaros é un concepto que se encontra nas máis diversas tradicións culturais dende a Antigüidade ata os nosos días, e por tal se entende a capacidade de unificación da linguaxe que fai posible a capacidade de narración mítica do mundo. Para os surrealistas, a lingua dos paxaros funciona como unha analoxía poética en si mesma, expresada tanto mediante a palabra – é dicir, a creación poemática, verso ou prosa – como por medio da imaxe visual, ou conxugando ámbalas dúas ferramentas.
Outra das peculiaridades desta mostra é a incorporación dun máis dos medios expresivos asociados á vida e á obra de Eugenio Granell: a linguaxe musical. Neste sentido a mostra complétase con dúas pezas sonoras; unha delas está inspirada no poema de Eugenio Granell, O rito mecánico do Paxaro Pí, e a outra foi evocada pola presenza troncal do canto dos paxaros na obra de Eugenio Granell. Ambas pezas foron compostas a partir de cantos reais de paxaros para a ocasión polo músico Rag Cuter.
 
Máis titulares sobre:
Exposicións