A BIBLIOTECA DE PHILIP WEST


28 xuño, 18 - 20 outubro, 19
Sala Philip West. Primeira planta



No ano 1969 o movemento surrealista xa deixara atrás a súa época de maior esplendor, pero algúns artistas de diversos países resistíanse a deixalo caer no esquecemento. Dende o “ underground” inglés, Philip West (York, Inglaterra, 1949-Zaragoza, 1997), representa ese espírito da continuidade do surrealismo como arte e como filosofía de vida.

A súa obra, poboada de mundos fantásticos e escenas dantescas, supón unha revisión á historia do surrealismo tratada dende un punto de vista moi persoal e cunha iconografía propia, na que se contempla de primeira man as influencias dos grandes expoñentes de metade de século como Magritte, De Chirico ou Max Ernst.

Esta fascinación polos seus predecesores vese plasmada na súa biblioteca, na cal abundan exemplares de André Breton, pai do surrealismo, do director de cinema aragonés Luís Buñuel e de Marcel Duchamp, así como unha selecta colección de revistas de corte surrealista e obras do seu extenso círculo de amigos entre os que destacan Octavio Paz, Enríque Gómez Correa, Ludwig Zeller e Eugenio Granell, con quen mantivo unha férrea relación profesional e persoal

Por motivo desta amizade, Philip West, nos seus derradeiros días de vida decide doar gran parte da súa obra plástica e esta importante biblioteca á Fundación Eugenio Granell onde se conserva actualmente. Está composta por máis de 753 documentos entre os que destaca, como xa indicamos, unha gran presenza da obra de Bretón, con máis de 43 volumes, así como de Buñuel, onde se reflicte a afección de West polo cinema surrealista.

O espazo principal está dedicado á figura de West, os seus catálogos, a súa correspondencia na que achegaba pequenas cartolinas cos seus cadros, debuxos e principalmente ás súas publicacións nas revistas máis importantes do movemento surrealista. Entre elas atopamos o número 5 da revista holandesa Brumes Blondes, en cuxa portada se reproduce a súa obra Cascade; exemplares de Transformaction, editada polo seu amigo e mentor inglés John Lyle; colaboracións co grupo Phases do francés Edouard Jaguer, onde unha das súas ilustracións chega a ocupar a portada; ou varios exemplares de El huevo filosófico, de Canadá, no que colaboran activamente o matrimonio formado por Ludwig Zeller e Susana Wald, importantes amigos de West.

O seguinte tramo céntrase nos referentes de West e na súa relación cos múltiples grupos surrealistas internacionais e locais. Entre as súas influencias sobresae a imaxe de André Breton e Luís Buñuel, así como exemplares dedicados a Marcel Duchamp, Max Ernst, René Magritte ou Salvador Dalí, de quen principalmente atopamos libros e manuais.

Doutra banda están as obras do seu extenso círculo de amigos, entre os que destacamos ao inglés John Lyle, quen foi o seu mestre ao comezo da súa carreira artística; o francés Edouard Jaguer; o matrimonio conformado polo chileno Ludwig Zeller e a húngara Susana Wald, o poeta mexicano Octavio Paz; o tamén poeta chileno Enrique Gómez Correa quen publica o libro de poemas Mother Darkness, que influirá directamente no cadro de West titulado da mesma maneira; o portugués Mario Cesariny de Vasconçelos; o biógrafo de Buñuel, José Francisco de Aranda, grazas ao cal profundiza na obra do aragonés universal; entre outros.

As revistas supoñen un eixo crave nesta exposición, o seu valor estético, as súas dedicatorias e a súa singularidade convérteas en pequenos tesouros surrealistas que West foi reunindo ao longo de toda a súa vida dende distintas partes do mundo. Destacan os exemplares de Melé, Carta internacional de poesía, editada en Honolulu, Estados Unidos polo austriaco Stefan Baciu, e na cal dedica unha das obras que decora a exposición Poet. O poeta (e o seu poema) ao seu amigo Octavio Paz; a revista francesa de artistas surrealistas Ellebore; a colombiana Cantidad hechizada de Óscar González; e Surrealisme Même de 1957 dirixida por Breton.

Nesta exposición deixaremos as portas abertas da biblioteca de Philp West para mostrar ao público as xoias ocultas entre os seus andeis. A súa relación directa con Granell ocupa un lugar importante na que destacan cartas e dedicatorias entre os dous artistas, como fel testemuño da amizade que lles unía.

O percorrido complétase co óleo Hombre del mundo de Philip West acompañado dun dos seus catálogos máis rechamantes, o da exposición Viajes a las regiones tropicales realizada en Venezuela no 1981. Unha boa síntese da imaxe de home cambiante, que abandonou a fría Inglaterra pola cidade española de Zaragoza para logo vivir en Venezuela cinco anos onde entendería de primeira man o concepto de metamorfose, para logo regresar a terras aragonesas onde colaboraría con distintos artistas surrealistas e participará con publicacións na Editorial Pórtico. É nesa época na que coñece a Granell. Pasará os seus últimos días en Zaragoza. Algo define á perfección a figura de Philip West son as palabras que o propio Granell lle dedícano catálogo das obras de Philip West na Fundación Eugenio Granell: Luz que nunca se apaga.

 
Máis titulares sobre:
Exposicións