biblioteca

BIBLIOTECA FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL

HORARIO DE VERANO: Horario de museo
Atención usuarios: Previa cita
 

Está situada no terceiro andar da Fundación Eugenio Granell. Acolle tres bibliotecas:

Biblioteca e Arquivo persoal de Granell
Biblioteca Philip West
Biblioteca Museo.

Os seus servizos están dirixidos á comunidade educativa, profesores e estudantes, educadores, artistas, investigadores, persoal do museo e calquera usuario interesado na consulta dos seus fondos.
O fondo documental da biblioteca está destinado á consulta dentro do recinto da sala, non existe o préstamo a domicilio.
Os fondos son de libre acceso, excepto unha parte dos seus fondos por razóns de seguridade e conservación.

Servizos
.
Lectura en Sala
24 postos individuais de lectura de amplio espazo. Existe conexión eléctrica para ordenadores portátiles.
. Orientación bibliográfica e documental:

Correo electrónico: biblioteca@fundacion-granell.org


BIBLIOTECA E ARQUIVO PERSOAL DE EUGENIO GRANELL
(previa cita)


A biblioteca e o arquivo persoal dun artista é unha peza clave no estudo da súa personalidade artística e humana, especialmente tratándose dun artista coma Granell cuxa actividade máis visible é a de artista plástico e solapa, en ocasións,  unha importante obra literaria, e tamén o seu interese por outras manifestacións artísticas, como a música ou o cine e un profundo compromiso político.

Composición do fondo:

Trátase dunha colección de máis de 15.000 volumes que se foron recompilando ao longo da vida do artista.
Non é unha biblioteca devocionaria, é unha biblioteca profesional, práctica e universalista, espello dos intereses de Granell.
Ademais da temática lóxica sobre o surrealismo, correntes afíns e arte en xeral, hai unha importante cantidade de libros sobre a Guerra Civil, un tema sen dúbida clave para un exiliado político, gran parte deles editados fóra de España.
A literatura ocupa un importante lugar, hai que recordar que Granell foi profesor desta disciplina. Hai tanto de literatura española coma de fóra de España, a maioría en lingua inglesa e, en menor medida, francesa; así como de literatura clásica e contemporánea en xeral.
Moitos dos libros están dedicados polos seus amigos, algúns importantes nomes na historia da cultura.
Tamén atopamos materias interdisciplinares que completan a colección e son o reflexo do carácter polifacético de Granell., polo que teñen grande interese histórico e político.
Esquematicamente, os temas principais son: Surrealismo, Guerra Civil, Arte, Literatura, Etnografía e Antropoloxía, Psicoloxía e Socioloxía.
A tese de doutoramento de Granell é un estudo sociolóxico sobre o Guernica, Picasso´s Guernica: The End of a Spanish Era, Umi Research Press, 1967.
Hai outros temas interesantes e relevantes neste fondo, como son: Historia, Relixión, Filosofía, Tauromaquia, Alquimia e Ciencias Ocultas.

Publicacións seriadas (477 títulos)
En canto á temática, esta é moi heteroxénea, pero sempre dentro dos intereses de Granell: surrealismo, arte, literatura, política etc.
Revistas, xornais ou mesmo coleccionables.
Revistas de surrealismo internacional dende os anos 50.
Hai revistas editadas polas distintas universidades onde impartiu clases, como por exemplo: La Torre da Universidade de Porto Rico, onde coincidiu con Juan Ramón Jiménez, ou do Brooklyn College: Brooklyn College Magazine. Tamén tivo unha columna no xornal da Universidade de Porto Rico.
Sorprende a cantidade de revistas editadas en Francia dos anos 40 e 50.
As revistas políticas son numerosas, dado o interese de Granell por este tema: Iniciativa Socialista, Cuadernos del Congreso por la Libertad y la Cultura, La Verdad, Ruta, La France libre etc.
Tamén hai publicacións seriadas españolas, pois estaba subscrito a elas: Anthropos, Syntaxis, Esopo etc.

Folletos
A miúdo de gran valor, xa que son o único testemuño existente de certos acontecementos.
Moitos son de exposicións institucionais ou de galerías de arte, programas de man ou catálogos de publicacións.

Outros materiais
Material divulgativo: invitacións, calendarios, axendas, dípticos etc.

O arquivo persoal está en proceso de catalogación.

Recompilación de artigos temáticos
Artigos e documentación recortada de revistas ou prensa sobre moi diversa temática que lle interesaba a Granell. A maioría deles acerca de artistas ou movementos artísticos, tamén sobre política, cidades, músicos, animais, temas ecolóxicos, nomes propios etc.
Están coidadosamente ordenados en carpetas colocadas en arquivadores ordenados alfabeticamente por temas.

BIBLIOTECA PHILIP WEST

Custodiamos o legado bibliográfico de Philip West, constituido por 753 documentos de grande importancia.

Philip West coñece a Granell a comezos dos anos 80 e como demostra a correspondencia entre ámbolos dous fanse grandes amigos. Esa amizade resulta tan importante que West cede en usufructo á Fundación Eugenio Granell unha boa parte da súa obra plástica e doa a súa biblioteca surrealista. Granell di, respecto a esta doazón, “xamais podereille chegar a agradecer tan amigable xenerosidade”.

Hoxe en día a biblioteca de Philip West imprime aos nosos fondos grande parte da súa singularidade e é un xoia para a nosa Fundación. Case todos os libros están editados fóra de España, polo que non son fáciles de atopar no noso país. A maioría están editados en Francia, Estados Unidos, e por suposto, no Reino Unido, o seu país natal. Aínda que tamén haxa edicións doutros países. Deixounos, ademais, diversa documentación como críticas de prensa, artigos, folletos, etc.

Julián Sebastián di que West sentíase orgulloso da súa biblioteca e que alí estaba a “historia da súa vida”. Poderíase engadir tamén que alí atópase a historia das súas amizades, pois contén un grande número de edicións dos seus amigos. Moitos dos libros da súa biblioteca teñen dedicatorias autógrafas dos seus autores.

BIBLIOTECA MUSEO

Inaugurada en xaneiro de 2001
Aínda que está especializada en arte surrealista e correntes afins, posúe tamén fondos de arte contemporánea en xeral, literatura e fotografía.
Os fondos son de libre acceso , agás dunha parte dos seus fondos por razóns de seguridade e conservación.

Acceso catálogo:
http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=CFB002

Sobre Biblioteca: https://loisalcaydedans.tumblr.com/post/171897654745/constru%C3%ADr-un-lugar-a-fundaci%C3%B3n-granell


 

Praza do Toural s/n
15705 Santiago de Compostela
A Coruña, España
secretaria@fundacion-granell.org

HORARIO MUSEO
Horario de inverno (outubro-maio)
Martes a Venres de 11.00 a 14.00 e 16.00 a 20.00h
Sábado: 11.00 a 14.00h
Domingo, Luns e Festivos: Pechado

Horario de verán (xuño-setembro)
Martes a xoves: 11.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h
Venres: 11.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.00h
Sábado: 11.00 a 14.00h
Domingo, luns e fetivos: Pechado


TARIFAS
Xeral: 2€
Reducida: 1€
Gratuíta: Mais información en Contactar

 

 

 © 2005-2007 Fundación Eugenio Granell . Todos os dereitos reservados.