MARUXA SEOANE: achegamento a Mª Elvira Fernández López


9 xullo - 20 setembro
Salas 4, 5. Primeira planta



A exposición "Maruxa Seoane: achegamento a Mª Elvira Fernández López" poderase visitar do 9 de xullo ao 20 de setembro, nas salas 4 e 5 da primeira planta do Museo.

Proxecto expositivo que afonda na figura de María Elvira Fernández López (A Coruña, 24 de xaneiro de 1912 - 25 de marzo de 2003), Maruxa, compañeira inseparable de Luis Seoane, persoa chave na súa traxectoria que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicaría a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culminaría en 1996 coa creación da Fundación Luis Seoane na Coruña.

Comisariada polo artista e profesor de arte Juan de la Colina, a mostra nace do desexo de destacar e renderlle homenaxe á personalidade de Maruxa Seoane e, ao mesmo tempo, recoñecer e visibilizar o seu labor, reducido con frecuencia ao papel de 'muller de artista'. Para isto, a exposición reúne unha selección de óleos, fotografías, obra gráfica e documentación diversa, así como varias testemuñas, coa fin de elaborar o retrato dunha muller do seu tempo, que por vontade propia dedicou a súa vida a Luis Seoane participando da súa vocación de servizo á cultura galega.

A relación con Luis Seoane, ao que coñecía desde pequena xa que eran curmáns, comeza cando él tiña 17 anos e ela 15. Sendo Luis estudante de dereito en Compostela, Maruxa expón a súa familia o seu desexo de estudar música na mesma cidade, pero os seus pais non ven con bós ollos a coincidencia de ambos sen supervisión familiar, e finalmente tén que optar por estudar Comercio na Coruña. Porén, as frecuentes viaxes a Compostela coa súa nai, lle permiten manter o contacto co artista, e tratarse ao mesmo tempo cos intelectuais vinculados á universidade. Tras obter a licenciatura como avogado, Seoane establécese en 1934na Coruña. Ambos afílianse ao Partido Galeguista e participan en reunións culturais e políticas.

Tras o estalido da Guerra Civil no 1936, Luis Seoane exíliase no seu Bos Aires natal. Maruxa acompañarao pouco tempo despois, tras casarse con él por poderes. Atrás deixará á súa familia. O seu irmán Manuel, preso na cadea pola súa militancia política, será executado pouco despois da súa partida.

Na cidade de Bos Aires coinciden intelectuais galegos, españois, europeos e latinoamericanos. Entre as amizades de Luis e Maruxa atópanse figuras como Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Grete Stern, Julio Cortázar, Rafael Alberti, Mª Teresa León e Esther de Cáceres, por citar só algúns exemplos. Maruja leva a contabilidade, a axenda do artista, e exerce de interlocutora con galerías, museos e coleccionistas, encargándose do matemento de materiais, da montaxe dos lenzos de pequeno e mediano formato e da imprimación das teas. A partir de 1942, traballa como correctora de probas de todos os proxectos editoriais nos que intervén Luis, pasando a ser a súa colaboradora imprescindible e participando activamente nalgunhas das iniciativas máis importantes de Seoane no seu labor de dinamizador da cultura galega no exilio, como a revista Galicia Emigrante, editada no seu domicilio, á que contribúe con pequenos textos críticos e receitas de cociña, moitas delas, probablemente, inspiradas nas de súa tía Andrea, propietaria do coñecido restaurante coruñés Casa Naveiro, que tamén aparecerán na revista Correo Literario.

Maruxa é a gran musa de Luis Seoane, que a ve como o prototipo da muller galega. A súa presenza impregna a súa obra, ás veces de maneira evidente, como nos retratos que lle dedica, outras de forma máis subtil, como nos debuxos do álbum Homenaje a la Torre de Hércules ou en varias das numerosas representación femininas que poboan a produción do creador galego.

Aínda que en 1949 visitan Galicia como parte dun periplo por Europa, non será ata os anos 60 cando poidan formularse o seu regreso e pasar temporadas máis longas na súa terra. Nestas primeiras viaxes, realizadas sempre con medo á dictadura, visitan O Castro onde, en 1963, por mediación dos seus amigos Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias, se lles proporciona un estudo-vivenda para traballar. Comprometidos co proxecto do Laboratorio de Formas do Castro e Sargadelos desde 1964, a partir de 1967 alternan as estadías en Galicia e Bos Aires. Finalmente, en 1969 adquiren un piso na cidade da Coruña, con vistas a esa Torre de Hércules á que Luis Seoane lle dedicara unha das súas obras máis célebres, o álbum de debuxos Homenaje a la Torre de Hércules.

Tras o falecemento prematuro de Luis Seoane en 1979, e tras un período de desazo, Maruxa emprende a tarefa de reunir a obra do artista para construír un legado que trascendese na súa terra. Para iso realiza varias viaxes á Arxentina, recuperando a maior parte da súa obra, adquiríndoa a coleccións privadas cos seus aforros.

En 1994, a Xunta de Galicia decide homenaxear a Luis Seoane cunha serie de actos, e a Real Academia Galega lle dedica ese mesmo ano o Día das Letras Galegas, sendo Maruxa a protagonista de todos os eventos.

En 1996, creáse a Fundación Luis Seoane, que se establecerá provisionalmente na rúa de Durán Loriga da Coruña. En marzo de 2003, Maruxa falece, e tres meses despois, a Fundación trasládase á súa sede definitiva, no antigo Cuartel de Macanaz, un edificio rehabilitado situado na Cidade Vella coruñesa.

A exposición inclúe ademais, nun espazo creado para a ocasión, un documental dirixido por Juan de la Colina, que ilustra e reflexiona acerca da figura de Maruxa Seoane. Experimental na forma, a película ten vocación de documento veraz. A banda sonora do documental foi realizada específicamente polo músico de orixe galego Pao Durán, e nela figuran gravacións dos anos 40 coa voz da propia Maruxa cantando.

A exposición realízase coa colaboración da Xunta de Galicia.

FOLLETO

 
Máis titulares sobre:
Exposicións